martes, 9 de xaneiro de 2018

1000 grúas pola paz

Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. Nas aulas de Plástica queremos conmemorar este día recordando a historia de Sadako Sasaki e as mil grúas de papel, a historia das MIL GRÚAS POLA PAZ.


Sadako Sasaki
Sadako Sasaki (佐々木 禎子) foi unha nena xaponesa que tiña dous anos cando caeu a bomba atómica preto da súa casa en Hiroxima o 6 de agosto de 1945. Moitos dos seus veciños morreron, pero os seus pais e a meniña sobreviviron. Sadako medrou como unha rapaza saudable ata que en novembro de 1954 comezou a amosar síntomas de leucemia. Foi hospitalizada en 1955 e os médicos déronlle poucos meses de vida. Daquela xa se sabía que a causa fora a exposición á radiación.

A súa mellor amiga foina ver ao hospital e fíxolle unha grúa de
papel, pois existe unha lenda tradicional xaponesa que promete que os deuses concederán un desexo a calquera que realice mil grúas de papel. A rapaza púxose a facer centos delas, co desexo de sandar da súa enfermidade. Parece ser que só puido completar unhas seiscentas, pois a morte presentóuselle uns meses despois. Simbolicamente, os seus amigos continuaron a súa misión e completaron as 1000 grúas coa esperanza de que se evitasen as guerras no futuro e se conseguise a paz no mundo.

En 1958 os nenos e nenas da cidade de Hiroshima dedicáronlle unha estatua para honrar a súa memoria e a de todas as crianzas que morreran polos efectos da bomba atómica. Na estatua aparece unha grúa e ó seu pé lese: "Este é o noso berro. Esta é a nosa pregaria. Paz no mundo.” Cada ano, no Día da Paz, chegan miles de grúas de papel a Hiroshima dende todos os lugares do planeta. Os nenos da cidade colgan as grúas no monumento de Sadako, coa esperanza de transmitir esta mensaxe a todo o mundo.



Por que grúas?
Para os xaponeses a grúa é o símbolo da paz, igual ca para nós o é a pomba branca.





Que é o origami?
É parte integral da cultura xaponesa dende hai máis de 1.000 anos. A súa técnica baséase no pregado de papel para crear figuras, arte que tamén se coñece como papiroflexia.


A seguir déixovos uns vídeos ilustrativos que relatan a historia de Sadako e mais explican como facer estas figuriñas de origami. Con elas decoraremos a nosa aula. 


Conseguiremos chegar ata 1.000? A por elas!!!








Ningún comentario:

Publicar un comentario

O comentario vai ser analizado pola autora do blog antes de ser publicado.

BO NADAL 23! vos desexa o alumnado de Expresión Artística de 4º de ESO

 Traballos de STOP MOTION realizados polo alumnado de Expresión artística de 4º de ESO.